dilluns, 24 d’octubre del 2011

Primera classe (19-10-2011)

Durante a primeira clase fixemos unha introdución aos Países Cataláns para coñecermos o contexto social, político e xeográfico da lingua catalá.

Despois de falarmos da orixe do nome Países Cataláns e xustificarmos o seu uso, (proposto a finais do s. XIX no País Valenciano e estendido durante o s. XX), estivemos vendo os límites da lingua catalá, que non sempre coinciden cos administrativos dos oito territorios nos que se fala: a Catalunya do Norte, Andorra, Cataluña, a Franxa, o País Valenciano, El Carxe, as Illas Baleares e L’Alguer (en català: Catalunya del Nord, Andorra, Catalunya, la Franja, el País Valencià, El Carxe, les Illes Balears i l’Alguer).


Ademais dos límites, vimos tamén que o catalán non é oficial en todos os territorios e que, nos lugares onde o é, non ten o mesmo estatus en cada un deles: non ten ningún tipo de oficialidade na Franxa (está simplemente recoñecido) e en El Carxe, é oficial na Catalunya do Norte (aínda que en contradición co artigo 2º da Constitución francesa...), cooficial en Catalunya (xunto co español e o occitano), nas Baleares e no País Valenciano (co nome de valenciano) e ten un certo recoñecemento en L’Alguer (na ligazón veredes o Estatuto da Cidade de L'Alguer redactado en alguerés). Ademais, é a única lingua oficial do estado andorrano.

O importante da primeira clase non era, pois, lembrar datas e saber feitos históricos de memoria, senón ter unha visión de conxunto dos Países Cataláns e entender a complexidade sociolongüística e xeopolítica dos seus territorio e, xa que logo, a dificultade que de aí se deriva á hora de artellar políticas comúns.

Para ampliardes o que fomos vendo, recoméndovos que vexades estes pequenos vídeos (duns tres minutos cada un) da serie de reportaxes “Els confins de la llengua” que fixo hai un par de anos o xornal Avui. Están dedicados a El Matarranya (unha das comarcas da Franxa), a El Carxe, á Illa de Tabarca (unha pequenísima illa do País Valenciano, diante de Santa Pola), a Formentera, a L’Alguer, a Perpinyà e a Andorra. O último vídeo da serie é unha análise da situación da lingua catalá nestes lugares [aviso importante: os vídeos están ben, mais non tomedes como modelo a lingua do presentador, é espantosa...].

E, para acabar, algunha nota de actualidade. O ministerio italiano da Instrución, a Universidade e a Investigación impulsou un grupo de traballo, do que forman parte tamén o Goberno da Rexión Autónoma de Sardeña e o Concello de L’Alguer, e no que vai participar a Generalitat de Catalunya, para introducir o catalán no currículo escolar dos estudantes alguereses.

Doutra banda, hoxe hai corenta anos do famoso discurso de Pau Casals na ONU, co gallo de ser galardoado coa Medalla da Paz desta institución. Pau Casals viviu o exilio en Prada, na Cataluña do Norte —onde todos os veráns se celebra un festival internacional de música que leva o seu nome—, e nunca máis volveu á Cataluña do sur. Aquí podedes ler a tradución ao catalán do discurso.



Na próxima sesión recomendareivos dicionarios e ferramentas de aprendizaxe da lingua, algunhas páxinas interesantes e comezaremos xa cos contidos lingüísticos. E non vos preocupedes: falareivos en catalán e falaredes vós tamén.

1 comentari:

Quiquinho de Melide ha dit...

http://cartaxeometrica.blogspot.com/2011/10/voz-de-noam-chomsky.html

=;-)